8 de xuño: Limpeza da praia do Laño con motivo do Día Mundial dos océanos

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o venres, xuño 07, 2013
Redacción Samieira Dixital | Poio 07.06.2013

Este sábado 8 de xuño ás 18.00 horas, dentro da Semana do Medio Ambiente e coincidindo co Día Mundial dos Océanos, a Plataforma Veciñal de Samieira vai realizar xunto con ADEGA, unha Limpeza da Praia do Laño.

Limpeza simultánea

A acción levarase a cabo de forma simultánea coas que están programadas en toda Galicia. En total son máis de 20 areais, dende Baiona até Burela, e 30 entidades de todo tipo as participarán nesta actividade simultánea. Na ría de Pontevedra, só se realizará na praia do Laño.

Finalidade

A actividade busca mudar conciencias, sensibilizar sobre a importancia de manter limpa a praia e reivindicar políticas que contribúan a unha mellora ambiental e a un desenvolvemento sustentable.

Protocolo de actuación

Para cumprir coa realización dunha limpeza ecolóxica seguirase o protocolo de actuación elaborado por ADEGA. O protocolo inclúe toda unha serie de pautas e indicacións para realizar a limpeza da forma máis respectuosa co medio posible.

Inscricións

A acción é aberta a todo o/a que queira participar. Todas as persoas interesadas en unirse a este evento de reivindicación e educación ambiental contra a contaminación mariña poden poñerse en contacto coa organización a través do e-mail: limpezapraiasamieira@gmail.com ou do perfil específico que se puxo en marcha na rede social facebook: Limpeza Praia do Laño.

Fonte: Samieira Dixital. Artigo orixinal:  8 de xuño: Limpeza da praia do Laño con motivo do Día Mundial dos Océanos