A maior parte das depuradoras galegas non desinfectan as súas verteduras

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o luns, xaneiro 13, 2014

Poucas teñen tratamento terciario e algunhas o apagan polo seu consumo excesivo

Redacción La Voz de Galicia | Alfonso Andrade, Vigo 13.01.2014

«A maior parte das depuradoras da nosa contorna carecen de tratamento terciario e, por tanto, non desinfectan as súas verteduras», afirma Ricardo Beiras, director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Agrega que algunhas das que o posúen, «non o poñen en marcha polo seu alto consumo enerxético». O tratamento terciario, por lámpadas ultravioleta, permite eliminar por completo a contaminación microbiolóxica por augas fecais.

Vexamos un caso concreto. Á depuradora de Cangas instalóuselle o terciario no 2008. «Pero está cascado. Nunca funcionou porque o Goberno que o puxo deixouno aí, sen máis», explica José Enrique Sotelo, alcalde da vila, que se comprometeu a sacar a concurso antes do verán toda a xestión da auga do municipio. «As lámpadas valen un pastón e o custo anual é de 60.000 euros».

Os concellos pequenos téñeno complicado para pór en marcha o terciario, pero Cangas exemplifica ademais o principal problema da depuración en Galicia: «A auga que chega á depuradora sae bastante ben, pero é que só entra o 10 %». O resto vaise á ría «polos aliviadoiros das bombas», di Sotelo. O asunto, segundo Beiras, é que, en ocasións, «moluscos e outros mariscos vense moi afectados por esta contaminación».

Vigo prepárase para inaugurar neste primeiro trimestre do ano a nova EDAR do Lagares, que incrementa notablemente a capacidade de depuración da cidade. Pero o problema, segundo a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, non está na EDAR, senón na rede. Ao non haber separación de augas pluviais e fecais, cada vez que chove desbordan os aliviadoiros e a mestura sae libremente á ría. «Case o 80 % dos aliviadoiros dos pozos de bombeo verten sen depuración, e iso non o vai a solucionar a nova estación», explica Serxio Regueiro, portavoz da plataforma. Esta prepara un informe «sobre as verteduras» na ría de Vigo que remitirá á Xunta, pero tamén ao Parlamento Europeo. «É unha verdadeira vergoña. A maioría das saídas están pechadas con marea baixa, pero abren cando sobe. Ademais, de noite páranse moitas estacións de bombeo e tamén se verte», avanza Regueiro sobre o contido do seu traballo.

A nova EDAR de Vigo incorpora tratamento terciario para desinfectar as augas. Funcionará desde o principio, pero unicamente para actuar sobre a contaminación microbiolóxica. Déixase fóra, polo menos até finais do 2015, a opción de tratar o nitróxeno e o fósforo, outra cuestión crave.

A Xosé Antón Álvarez, investigador científico do CSIC, pedíronlle no 2007 que estudase as cargas non naturais deses dous elementos para ver as necesidades reais da futura depuradora. O seu traballo revelou que o 17 % do nitróxeno e o 25 % do fósforo desa ría non é de produción mariña, senón que chega polas redes de saneamento. «É un diagnóstico límite cun prognóstico preocupante», pois o descenso das nortadas no últimos cincuenta anos fixo que a ría renove a auga «cada dúas semanas no canto de cada sete días». Un exceso deses elementos tradúcese en «augas con pouco osíxeno e, por tanto, inhabitables se o problema non se corrixe».

En xeral, catedráticos de Ecoloxía, biólogos e enxeñeiros, cren que mil millóns de euros desde o ano 2000 deberían traducirse nunha rede de augas sanitarias bastante máis completa da que Galicia posúe. Hai mesmo algunhas poboacións importantes que de momento seguen sen depuradora.

É o caso de Malpica, un municipio con 5.800 residentes. Un problema político revogou a adxudicación da estación no 2009. Volverá licitarse no primeiro semestre do ano en curso e custará 5 millóns.

Á vista de todo isto, «é evidente -argumenta Victoriano Urgorri, catedrático de Bioloxía Mariña da USC-, que os tres eurodeputados que acaban de redactar o informe sobre as rías galegas viñeron de visita turística, porque as conclusións son unha carallada». Os membros da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo acaban de remitir unha carta de felicitación e agradecemento aos dous que se negaron a asinalo.

Dúbidas sobre o saneamento de Ferrol

Se nada se torce, Ferrol contará este ano coa depuradora pola que pelexa desde hai dous decenios. De momento, as fecais van á ría. Pero o caso é que non se torza. Parte da nova instalación, incluída a EDAR de Prioriño, leva varios anos construída e a cuestión é ver se agora funciona.

«Dubido que a estación de bombeo da Cabana chegue a funcionar», sostén o catedrático Victoriano Urgorri. Algúns enxeñeiros intúen tamén algúns problemas no proxecto. A instalación da marxe norte da ría ten 16 tanques de tormenta «non adaptados á rede separativa que si posúe o concello de Ferrol, polo que mesturan augas pluviais e fecais», explica José María Hernández, do colectivo Cidadáns Versus Tanque de Tormenta.

«Os nosos enxeñeiros -prosegue- din que, cando empeze a chover, en 3 ou 4 minutos comezará a aliviar o sistema por eses tanques. Ademais, a súa capacidade total é de 20.000 metros cúbicos e necesitaríanse tres ou catro veces máis». O resultado, segundo isto, sería o de constantes verteduras á ría, que, «para os nosos biólogos, seguiría sendo de zona B ou C» por contaminación microbiolóxica.

«Os recursos esgótanse», advirte Urgorri. O catedrático cifra nun dous mil as «especies mariñas desaparecidas na ría desde 1974» e calcula que farán falta polo menos «cinco anos» para limpar as rías de materia orgánica cando estean en funcionamento «todas as depuradoras». Hai zonas en Ferrol con valores de E. Coli que son «o dobre dos permitidos». «É inconcibible o que se fixo con todo isto en Galicia, que depende tanto do mar», agrega.

Fonte: Xornal La Voz de Galicia. Artigo orixinal:  A maior parte das depuradoras galegas non desinfectan as súas verteduras


Categorías: