España ten 600 aglomeracións urbanas sen depuración adecuada e 3 procedementos de infracción por incumprir as normas europeas

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o sábado, febreiro 15, 2014

A peor parte deste incumprimento do Estado correspóndelle ás zonas declaradas sensibles como a ría de Pontevedra

Redacción Plataforma Non á Depuradora en Samieira | Poio 15.02.2014

A normativa comunitaria específica para a depuración (Directiva 91/271/CEE) xa esixía que en 2005 todas as aglomeracións urbanas maiores de 2.000 habitantes tivesen sistemas de tratamento adecuados. Con todo, na actualidade aínda hai unhas 600 poboacións que non dispoñen deles, entre as que se atopan algunhas tan importantes como as da marxe norte da ría de Pontevedra (Poio e Sanxenxo), Santiago de Compostela (que con 200.000 habitantes non ten ningunha depuradora), ou Vigo, cunha infraestrutura deficiente. Desas 600, máis de 300 aínda non adoptaron ningunha medida para solucionalo.

Esixencias en zonas sensibles

Unha parte importante do incumprimento de España débese á gran cantidade de zonas ambientalmente sensibles do Estado, que teñen requisitos de calidade máis esixentes. En 2006 ampliouse a superficie protexida -o 27,2 por cento do territorio está incluído na Rede Natura 2000-, o que supuxo un incremento das necesidades de depuración dunhas 200 poboacións, cun custo asociado superior aos 2.200 millóns de euros.

Ao redor do 20% de todas as aglomeracións urbanas en zonas sensibles segue sen dispor dun sistema adecuado de tratamento de augas. Este é o caso da marxe norte da ría de Pontevedra declarada zona sensible no ano 2001.

Incumprimento das normas

Europa abriulle a España tres procedementos de infracción por incumprimento das normas comunitarias sobre depuración de augas residuais. O máis importante, referido a 38 cidades maiores de 15.000 habitantes, xa conta con sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo desde o 14 de abril de 2010. Os outros dous procedementos, un relativo a poboacións máis pequenas, entre 2.000 e 15.000 habitantes, e outro específico para zonas ambientalmente sensibles, seguen en fase administrativa, sen chegar aínda á fase xudicial.

No caso xa fallado, condenouse a España a abonar unha multa anual até que se alcanzasen os obxectivos, cunha parte fixa, de 7,4 millóns de euros, e outra variable, que oscila dos 3 aos 186 millóns, en función da gravidade e a duración do incumprimento, así como da capacidade de pago.

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) calcula que a sanción que soportará España roldará os 50 millóns de euros anuais cunha contía final que estará de preto dos 100 millóns de euros.

A situación, pois, non é boa. O vixente Plan Nacional de Calidade das Augas 2007-2015 calculaba no momento do seu lanzamento que era necesario investir 19.400 millóns de euros para cumprir coa UE. No sector é común a opinión de que o Plan se elaborou con precipitación e que necesita reformularse. Ademais, a crise non permitiu que se executen nin o 15 por cento das medidas que incluía; de feito, as restricións orzamentarias están obrigando a paralizar obras.