Os opositores á depuradora de Samieira acusan o alcalde de obviar o seu compromiso

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o venres, agosto 24, 2012

Desde a plataforma aseguran que lles acaban de "abrir a porta para dar un paso máis e agudizar as mobilizacións"

Redacción Faro de Vigo | María Argibay, Pontevedra 24.08.2012

Os portavoces da Plataforma Non! á Depuradora en Samieira consideraban onte "alucinante" o feito de que o alcalde de Poio, Luciano Sobral, confirmase que o Concello non presentará alternativas á instalación da EDAR en Samieira. Os afectados consideran que con esta postura, o que se está facendo desde o Consistorio é "lavarse as mans, botar balóns fóra" e eludir o compromiso de buscar alternativas que se fixou na reunión mantida con Augas de Galicia o pasado 1 de agosto.

"O que ten que facer é expor outra opción se non está de acordo coa de Samieira. O que non pode dicir é que non presenta alternativas", explicaban desde a Plataforma. Os afectados consideran que con esta actitude o alcalde está "botando fume e non está a facer nada". Por outra banda, os veciños non entenden "a que está a xogar o alcalde ao revivir pantasmas doutro tempo e volver expor o proxecto de Raxó", que non se pode pór en marcha porque foi bloqueado no ano 2000 por Costas, ao estar na liña de protección. "Non entendemos porqué volve sacar este proxecto do caixón se xa está descartado por Costas", comentan.

Os veciños entenden que o Concello debería dar outra opción a Augas de Galicia "e non porse neste plan. Está a pornos en bandexa agudizar as mobilizacións. Acábannos de abrir a porta a dar un paso máis", comentan. A plataforma, que viña realizando un labor informativo e xa reuniu máis de 2.000 firmas contra a depuradora, ten agora "un culpable, un branco ao que disparar".

Sanxenxo insta a Sobral a que non derive o problema

Desde o Concello de Sanxenxo instan o alcalde de Poio, Luciano Sobral, a que asuma as súas responsabilidades e "deixe de derivar os problemas dos seus veciños aos concellos limítrofes".

Desde Sanxenxo consideran indispensable que o goberno local de Poio se implique para buscar unha saída ao problema que padece facéndose responsable das súas propias verteduras. "Sanxenxo non está disposto a asumir as sancións que reiteradamente se lle impoñen por verteduras que proceden das fecais de Raxó e se o goberno de Poio persiste en non ofrecer solucións a esta situación estudaremos fórmulas para que estes residuos non cheguen ao noso termo municipal", indican.

Ademais, a administración sanxenxina pide a todos os colectivos implicados na xestión e explotación da ría que esixan ao Concello de Poio que resolva un problema que xera fundamentalmente ese municipio e "do que está eludindo a súa responsabilidade desde fai vinte anos".

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  Os opositores á depuradora de Samieira acusan o alcalde de obviar o seu compromiso
Categorías: