O Concello non presentará alternativas á instalación da depuradora en Samieira

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o xoves, agosto 23, 2012

O goberno local considera que a Xunta e Sanxenxo deben involucrarse na procura de solucións

Redacción Faro de Vigo | María Argibay, Pontevedra 23.08.2012

O Concello de Poio non ten previsto presentar ningunha alternativa á instalación da depuradora en Samieira. Así o confirmou onte o alcalde da localidade, Luciano Sobral, quen indicou que desde o Consistorio non presentarán ningunha proposta nin ante a reunión veciñal que se celebrará o venres 31 de agosto en Río de Bois nin tampouco na reunión que está prevista con Augas de Galicia a mediados do mes de setembro. O alcalde explicaba que desde o Concello están "abertos a buscar solucións", pero sempre que se conta coa implicación da Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo. Sobral entende que o problema do saneamento da ría non corresponde unicamente ao Concello de Poio. "Queremos unha depuradora para Poio e queremos que se complete o ciclo do saneamento da ría, pero a futura solución contempla o involucramiento do tres administracións", recalca Sobral.

Dúas posturas moi claras

Mentres pide que se involucren as outras dúas administracións, o alcalde de Poio asegura que desde o Concello teñen dúas posturas moi claras: non van aceptar a proposta da Xunta de instalar a depuradora en Samieira, entre as praias de Laño e O Caeiro, e defenderán a proposta inicial de construír a EDAR nos terreos que no seu momento se adquiriron xunto ao Concello de Sanxenxo na Granxa, ao final da parroquia de Raxó, pero xa na localidade veciña.

O alcalde de Poio tamén confirmaba onte que nos últimos meses non houbo contactos co Concello de Sanxenxo para tratar o tema da depuradora, a pesar de que unha parte deste concello tamén se beneficiará da construción desta infraestrutura.

E mentres tanto, os veciños de Samieira continúan traballando sen cesar para tentar por todos os medios evitar que a depuradora se instale na súa parroquia, "nunha zona virxe entre as praias de Laño e O Caeiro". A través da Plataforma Non! á Depuradora en Samieira convocaron para este domingo, ás 12.00 horas, unha concentración na praza de Alfredo Romay á que están chamados "veciños, amigos, familiares, organizacións, asociacións, grupos políticos e sociais sen distinción", indican. Con este acto pretenden dar a coñecer a vontade popular de que se produza un cambio de emprazamento e evitar así a construción desta infraestrutura en Samieira.

Por outra banda, para o venres 31 está convocada unha reunión no local social de Río de Bois na que os veciños querían escoitar as alternativas que o Concello exporía á localización da depuradora. Con todo, o punto cae da orde do día ao confirmar o Concello que non fará ningunha proposta.

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  O Concello non presentará alternativas á instalación da depuradora en Samieira