A Xunta descarta construír a depuradora en Samieira e non expón outra localización

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o sábado, setembro 08, 2012 con 0 comentarios

O Concello considera que buscan gañar tempo até pasar as eleccións

Redacción Faro de Vigo | María Argibay, Pontevedra 08.09.2012

A construción da depuradora na contorna das praias de Laño e O Caeiro está descartada. Así o comunicou onte a Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas tras a reunión mantida entre o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, membros da Plataforma NON! á Depuradora en Samieira e representantes do tres grupos municipais de Poio.

Menéndez indicou que o obxectivo da Xunta de Galicia é "buscar un consenso tanto co Concello como cos veciños, pero coa premisa de que a depuradora ten que ter unha localización real e viable". Con todo, a pesar de que se descartou a súa construción neste punto da parroquia de Samieira, non se expuxo ningunha outra localización. O Concello acudiu á reunión sen alternativas a esta localización e desde a Xunta tampouco se propuxeron outros lugares. Isto deixa a situación no aire, pois aínda que se descarta que a depuradora se sitúe en Samieira, o problema do saneamento desta parroquia e da de Raxó continúa sen unha solución.

Perder o financiamento

E isto é, precisamente, no que insistiu onte Augas de Galicia, que lembrou ao Concello de Poio que de non atopar unha alternativa viable á situación da depuradora "podería perderse a posibilidade de financiar as obras con fondos europeos", indicou Menéndez, á vez que lembrou que "as competencias son do Concello de Poio". De feito, desde a Xunta indicaron que a localización de Pampaído, que propuxo o grupo municipal do BNG na reunión de onte e que foi descartada por oposición veciñal e por problemas técnicos, non é viable e lembraron "que Poio ten a parte principal do problema e debe responsabilizarse da depuradora, pois Sanxenxo podería solucionar a súa parte conectándoa coa EDAR que xa teñen en Paxariñas".

Desde a Xunta apuntan que o seu obxectivo é solucionar as carencias do municipio en materia de depuración, pero sen xerar ningún problema aos veciños. "Por iso estamos en disposición de escoitar propostas alternativas sempre que sexan viables técnica e economicamente", explican desde Augas de Galicia.

Buscan gañar tempo

Pola súa banda, desde o Concello de Poio consideran que o feito de "dar carpetazo, en principio, á localización de Samieira" ten como principal obxectivo "gañar tempo até pasadas as eleccións de outubro", indicaba Xosé Luís Martínez, que acudiu en representación do Goberno municipal acompañado por Chelo Besada. Para o nacionalista, as negociacións retomaranse novamente despois dos comicios autonómicos, pois indica que ao non haber ningunha alternativa "todo segue no aire".

Por outra banda, Martínez indicou que a reunión de onte estivo chea de contradicións por parte de Augas de Galicia, xa que "por unha banda din que o proxecto de Pampaído está descartado rotundamente por oposición veciñal e tamén porque é tecnicamente imposible. Ou unha cousa ou a outra". E doutra banda apunta que a Xunta parece non ter problemas agora en gastar máis diñeiro "en cambiar todo o deseño da depuración de ría". Martínez achaca este cambio de perspectiva da Xunta a un interese: "o que queren é solucionar o problema a un concello amigo como Sanxenxo. Prefiren gastar máis diñeiro para evitar un proxecto común entre os dous concellos: soluciónanlle o problema a Sanxenxo e cárganllo a Raxó e Samieira. Deixan tirado ao concello de Poio", entende o nacionalista.

Deterioración ambiental

Por outra banda, desde a Xunta indicaron que a depuradora é a solución a unha deterioración ambiental que leva anos esperando remedio. Ademais, aseguran que hai que buscar unha solución "ademais de por as propias verteduras, porque no futuro existe a posibilidade de sancións por incumprir as directrices europeas en materia de saneamento, sancións que recaerán na administración que ostenta a competencia", explican desde a Xunta e lembran que o servizo é competencia municipal.

Os veciños están satisfeitos pero seguirán alerta

Desde a Plataforma NON! á Depuradora en Samieira indicaron onte que estaban "contentos" de que as Augas de Galicia comprometeuse verbalmente a descartar Samieira como localización para a depuradora", aínda que recoñecen que non van baixar a garda e seguirán alerta "porque o saneamento ten que realizarse si ou si". Desde o colectivo indican que o que moveu a Augas de Galicia a descartar a localización na contorna das praias de Laño e O Caeiro foi "o gran rexeitamento social e o movemento veciñal que se creou en defensa da parroquia". Desde o ente autonómico non quixeron "emprazar aquí a infraestrutura contra vento e marea. Fixémoslle ver que a situación non era a idónea", explican desde a Plataforma.

Agora, os plans que ten o colectivo é convocar de novo aos veciños para informarlles do que se tratou na reunión de onte con Augas de Galicia e representantes municipais. Farano o luns, ás 21.00 horas no local social de Río de Bois, e o obxectivo é "que a xente non quede parada. Nós damos por boas as palabras de Augas de Galicia, pero tamén seguiremos alerta a expectativas do que poida pasar".

Desde a Plataforma recoñecen que o saneamento da Ría de Pontevedra é algo necesario e "tanto a Xunta como o Concello deben buscar unha solución para sacar este problema de encima". O colectivo veciñal ten claro que seguirá preocupándose por este problema ata que se atope unha solución definitiva, porque aínda que a súa parroquia foi descartada "a depuradora hai que facela".

González di que Sanxenxo non necesita o equipamento

A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, indicou onte que "a día de hoxe, o municipio non necesita un equipamento destas características posto que se atopa practicamente saneado e unicamente son 190 as vivendas do lugar de Santa Mariña, en Dorrón, as que non contan con este servizo. Esta situación solucionaríase dotando dando un impulso desde o pozo de bombeo da zona á EDAR de Paxariñas".

A alcaldesa rexeitaba así a construción da depuradora en terreos de Sanxenxo, deixando claro que "non imos permitir que se constrúa unha nova EDAR neste concello, salvo aquela que se precisará nun futuro para o saneamento dos desenvolvementos urbanísticos previstos na parroquia de Noalla".

González indicou que non van facerse cargo dunha infraestrutura que dará servizo maioritariamente ao municipio de Poio "que carece de infraestruturas deste tipo cando o noso concello está practicamente saneado".

Estas declaracións realizáronse tras manter unha reunión co portavoz do PP de Poio, Angel Moldes, que concertou a entrevista para analizar as posibilidades da EDAR. González, pediu ao alcalde de Poio que "dea exemplo e afronte os problemas dos seus veciños".

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  A Xunta descarta construír a depuradora en Samieira e non expón outra localización
Categorías: