Sanidade insta a manter todo o verán a recomendación de non bañarse no Laño

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o mércores, xullo 30, 2014
Redacción Diario de Pontevedra | Marina Abilleira, Poio 30.07.2014

A Consellería de Sanidade instou ao Concello de Poio a manter durante toda a tempada a recomendación de non bañarse na praia do Laño, a máis extensa do municipio.


O departamento autonómico ha tomado esta decisión en base ao cálculo estatístico que establece a normativa existente e informou de que esta zona de baño situada na parroquia de Samieira terá durante todo o ano a cualificación de insuficiente, con independencia do resultado das mostras que se efectúen durante este exercicio.

A Consellería precisou que esta cualificación non implica que as augas do Laño estean permanentemente contaminadas, senón que «orienta sobre a maior probabilidade de exposición dous bañistas a episodios de contaminación».

Engade que «segundo a normativa, nestas circunstancias é preceptivo para o Concello informar ao público da calidade das augas de baño e da recomendación de non bañarse ou da súa prohibición, para evitar a exposición á contaminación».

A Xunta indica que a normativa europea (Directiva 2006/7/CE) dita que o Concello deberá manter visibles durante todo o verán os carteis de advertencia. Tamén sinala que debe investigar e identificar as causas dos resultados desfavorables das analíticas e adoptar medidas para corrixir a situación.

Neste sentido, a Xunta puntualizou que se a Administración local leva a cabo accións para aumentar a calidade da auga de baño e as mostraxes confirman que esta mellorou, a clasificación da praia podería cambiar na próxima tempada 2015.

Enfado no Concello

En calquera caso, a noticia sentou como un mazazo no Goberno local poiense. O alcalde, Luciano Sobral, mostrouse onte moi molesto coa decisión da Consellería de Sanidade e cualificou a medida como «esaxerada».

Segundo o rexedor municipal, «non entendemos por que a Xunta opta por cualificar de insuficiente a calidade da auga do Laño durante toda a tempada, cando os resultados das analíticas deste e dous últimos anos estaban a dar uns resultados non bos, senón excelentes, e cuns parámetros baixísimos de coliformes».

Sobral sinalou que non se debería actuar así sobre unha praia porque unha mostraxe dese mal resultado e, a maiores, criticou que a Consellería de Sanidade aínda non remitiu ao Concello os datos da última contraanálise.

«Estráñanos moito que non se nos dese aínda ese resultado e agardamos telo mañá (por hoxe), xa que nos gustaría veo. Preocúpanos que o nivel de coliformes sexa elevado e teriamos que coñecer con exactitude a situación para poder actuar ó respecto», dixo.

O Concello tamén encargou a súa propia analítica á concesionaria municipal de augas e saneamento e está á espera de saber cal é a conclusión.

«Se, tal e como pensamos, os resultados son positivos, reclamaremos ante a Consellería de Sanidade e trataremos de facer valer o noso dereito», sentenciou. «Sanidade remítenos a unha normativa europea e estatal, pero nós tamén imos estudar esa norma e facer contraanálises. Se dan ben defenderemos os intereses do Concello e dos veciños».

Polo momento, O Laño continúa cos carteis que recomendan non bañarse, aínda que, tal e como manifestou Sobral, «algunhas persoas non lles fan caso e métense igual na auga».

Batifondo no Pleno

O asunto tamén provocou críticas por parte do Partido Popular, aínda que neste caso diríxense ao Goberno local. O portavoz da oposición, Angel Moldes, insistiu en que «isto está a dar unha imaxe nefasta de O Laño» e engadiu que «se fose un alcalde do PP o que actuase como Sobral, o BNG xa estaría a pedir a nosa dimisión e Samieira estaría chea de carteis pedindo a nosa marcha».

O asunto provocou unha intensa discusión durante o Pleno, ao que acudiron veciños de Samieira moi enfadados coa situación, así como representantes da Confraría de Raxó, como a presidenta da Agrupación de Marisqueo a pé, Elena Camiño, que non dubidou en alzar a voz: «O que non podar ser é que o emisario leve tantos anos botando merda fóra. Estamos cansos de reunións e de fotos, e non se fai nada. Calquera día o Intecmar pecha toda a praia».

Os veciños, ademais, preguntáronse como era posible que as análises desen tan mal en O Laño e no Covelo fosen bos, cando a sucidade é apreciable.

O Goberno local, pola súa banda, dixo non ter constancia de que fallase ningún bombeo: «Non sabemos ou orixe». Realizáronse tres análise, o 10 de xuño, o 24 de xuño e o 8 de xullo, sen que houbese ningún problema. O resultado negativo chegou o 22 de xullo, pero o que ao equipo de Sobral parécelle inconcibible é que aínda non recibisen o contraanálise. O BNG afirmou que se revisará o río que desemboca na zona e tamén as vivendas próximas, xa que hai algunhas antigas que non están conectadas á rede de saneamento.

Fonte: Xornal Diario de Pontevedra. Artigo orixinal:  Sanidade insta a manter todo o verán a recomendación de non bañarse no Laño