Os ecoloxistas apoian a mobilización da plataforma antidepuradora de Samieira

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o xoves, agosto 09, 2012

Nunha reunión explicaron á Asociación pola Defensa da Ría o problema que están a sufrir

Redacción Faro de Vigo | María Argibay, Pontevedra 09.08.2012

A Plataforma Non! á Depuradora en Samieira continúa buscando os apoios necesarios para tentar que a administración de marcha atrás e evitar así que se constrúa a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) entre as praias de Laño e O Caeiro. O martes mantiveron unha reunión coa Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) na que lles explicaron todos os pormenores que até o momento coñecen da posible instalación da depuradora na parroquia de Samieira. Tras coñecer os detalles, desde a APDR mostráronlles todo o seu apoio e comprometéronse a ofrecerlles a súa experiencia para axudarlles en todo o posible.

Segundo indicou un portavoz da plataforma, desde a APDR están de acordo en que "o saneamento é necesario", pero o que non se pode facer é "vestir un santo para desvestir outro". Entenden que o que non se pode é sanear a ría á conta de esnaquizar unha "importante contorna natural e un das únicas paraxes que aínda permanecen virxes en zona costeira de Poio".

Entre a plataforma de Samieira e a APDR acordaron a realización de accións conxuntas que dean unha maior dimensión ao "gran problema que temos. Levamos dez días con esta cruz encima e contar co seu respaldo foi un gran apoio moral", indican desde o colectivo.

Máis medicións

Por outra banda, esta semana houbo novas medicións na contorna das praias de Laño e O Caeiro, onde previsiblemente instalarase a depuradora. A preguntas dos veciños, os operarios que realizaban os traballos indicaron que se trataba de "unha verificación de planos do Catastro", do que desconfían os veciños. "Agora xa non os collemos por sorpresa, xa saben todo o problema que hai", indican.

Con todo, desde o colectivo lembran que os terreos sobre os que se realizan medicións non son propiedade do Concello de Poio nin de Augas de Galicia, senón que son duns 12 ou 15 veciños, "cos que ningunha administración se puxo en contacto aínda". Eles acoden ás reunións veciñais tamén preocupados porque "non venderon nada a ninguén".

A plataforma continúa á espera de que o Concello faga a proposta sobre as alternativas á construción da depuradora en Samieira. "Poden estar pillados de tempo en moitos asuntos municipais, pero nós tamén queremos solucións canto antes", explican os veciños.

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  Os ecoloxistas apoian a mobilización da plataforma antidepuradora de Samieira
Categorías: ,