A plataforma veciñal de Samieira solicita unha reunión coas tres formacións políticas municipais

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o sábado, decembro 01, 2012
Redacción Plataforma Non á Depuradora en Samieira | Poio 01.12.2012

O pasado martes, 20 de novembro, a plataforma veciñal de Samieira entregou no rexistro do Concello unha solicitude dirixida ao goberno municipal na que se demandaba información sobre o comezo dos estudos para elixir un novo emprazamento para a EDAR. Esta solicitude de información, á que se sumaba, tamén, unha petición para asistir a vindeira mesa de traballo que se convocase co equipo técnico de Augas de Galicia, NON FOI CONTESTADA. Por este motivo, estamos presionando aos tres grupos políticos municipais (BNG, PSOE e PP) para ter unha reunión na que se traten estos temas. Consideramos, que dadas as circunstancias, esta é a única posibilidade que temos, neste momento, de obter información da situación actual do proxecto e de forzar que se acheguen solucións.

Os/as vecinos/as de Samieira non estamos dispostos a seguir sufrindo e consentindo esta deixadez de anos. Seguiremos instando aos representantes municipais a que empreguen todos os instrumentos que teñen ao seu dispor para ofrecer ALTERNATIVAS REAIS E CONCRETAS á actual localización. Cremos firmemente que deben pór todo o seu empeño en emendar a situación creada. Eles/as foron os/as que ofreceron a alternativa Caeiro-Laño e eles/as son os/as que teñen que poñer a disposición de Augas de Galicia unha nova localización compatible co benestar das persoas e a contorna.
Categorías: