O BNG rexeita a depuradora en Samieira e pide retomar o proxecto de Pampaído

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o sábado, agosto 25, 2012

Aseguran descoñecer os motivos polos que a Xunta cambiou a localización

Redacción Faro de Vigo | María Argibay, Poio 25.08.2012

O BNG de Poio quixo onte resolver a "controversia" que se xerou con motivo da construción da depuradora que dará servizo a dous lugares do municipio: Raxó e Samieira.

O responsable local do BNG, Xosé Luís Martínez, indicou onte que desde que o grupo municipal tivo coñecemento do cambio de localización que a Xunta tiña previsto cara a Samieira "consideramos errónea a decisión. Por motivos ambientais, sociais, económicos e tamén polas características do terreo, cremos que non é un lugar adecuado para instalar unha depuradora".

Como non é viable nin levar as augas residuais a Praceres nin tampouco a Sanxenxo, desde o BNG "defendemos que se retome o anteproxecto de localización da EDAR en Pampaído, unha opción que fai seis anos escolleu a Xunta por ser a mellor do seis que barallaban".

Desde o BNG indican que desde o ano 2007, nas comunicacións da Xunta, indicábase que Pampaído era a localización (para a que xa hai un anteproxecto) e por iso non entenden porqué non levou adiante. "Sanxenxo saberá por que non quixo levar adiante este anteproxecto se era a mellor localización". Por outra banda, mostraron o seu malestar polas declaracións vertidas polo Concello de Sanxenxo nas que acusaban a Poio de botar "balóns fóra" cando o número de beneficiados é maior en Sanxenxo que en Poio, pois "dará solución a 2.200 veciños de Poio e 3.200 de Sanxenxo".

Por outra banda, apuntan que o cambio tampouco pode deberse a un motivo económico, pois o anteproxecto do ano 2007 cifraba o orzamento en 4 millóns de euros "e reverter todas as canalizacións que xa están feitas cara a Sanxenxo custaría dous millóns de euros".

Para 21.000 veciños

O BNG mostraba onte o anteproxecto presentado pola Xunta no ano 2007 para a construción da depuradora en Pampaído e indicaban que a infraestrutura estaba prevista para dar saída aos residuos de até 21.000 veciños. Segundo o documento calculábase que a depuradora daría servizo no inverno a 2.200 veciños de Poio e 3.275 de Sanxenxo. A EDAR construíase con posibilidade de dar servizo a unha poboación de 21.600 persoas, prognosticando que, cos anos e nos meses de verán, "a cifra chegase a 6.600 en Poio e 15.000 en Sanxenxo".

Estarán na concentración de mañá

O BNG de Poio confirmou que mañá acudirán á concentración veciñal que se celebrará ás 12.00 horas na Praza de Alfredo Romay de Samieira e mostrando así o seu rexeitamento á localización da depuradora na contorna das praias do Laño e O Caeiro. Tamén consideran que non se deberían barallar máis opcións e que a Xunta debería instalar directamente a depuradora en Pampaído.

E mentres tanto, os veciños integrados na Plataforma NON! á Depuradora en Samieira continúan unindo forzas para a concentración de mañá despois de reunir máis de 2.000 firmas contra a instalación da infraestrutura na contorna das súas praias.

Os afectados consideran que os seus representantes políticos "pretenden converter unha protesta veciñal lexítima nunha batalla política"."Non conseguiron calarnos. Tratarán de enturbar a realidade co seu xogo de mensaxes irresponsables, pero non o lograrán", indican os portavoces do colectivo.

Para mañá teñen prevista a lectura dunha manifesto e a que se prevía unha concentración "tranquila", poida que cambie de rumbo despois de coñecer que o Concello de Poio non vai presentar alternativas de localización para a EDAR nin ante os veciños nin ante Augas de Galicia.

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  O BNG rexeita a depuradora en Samieira e pide retomar o proxecto de Pampaído