O Ministerio de Medio Ambiente negocia coa Comisión Europea para ´evitar a imposición de sancións e multas´

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o domingo, novembro 30, 2014
Redacción Faro de Vigo | Pontevedra 30.11.2014

O Ministerio de Medio Ambiente, ao que lle corresponde facer fronte ás denuncias da Unión Europea, xa que se formulan contra o estado membro e non contra unha comunidade autónoma ou un municipio, destacou que o principal problema en materia de verteduras da ría de Pontevedra está na depuradora de Praceres, que debe ser ampliada pola Xunta, aínda que tamén incide na necesidade de "optimizar o funcionamento da rede de saneamento da aglomeración Pontevedra-Marín-Poio-Bueu, en especial para controlar os caudais afluentes a esta planta en tempo de choiva".

En todo caso, o ministerio sinala que esta recente denuncia enmárcase nun procedemento de infracción aberto en 2002, polo que se trata dun expediente herdado polo actual Executivo". Engade o departamento ministerial que "está a demostrar un gran compromiso en materia de depuración e ten asínaa vontade de avanzar para cumprir coa Directiva Marco da auga". Así mesmo, apunta que "o ministerio destina a este capítulo gran parte do orzamento destinado en materia de Auga en 2015 (as actuacións relacionadas coa auga contan nos Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano cunha partida de máis de 2.500 millóns de euros en total, dos que o capítulo de investimentos ascende case a 1.600 millóns). No entanto, as súas obras en Pontevedra céntranse no abastecemento de auga, non no saneamento.

Ademais, negóciase coa Comisión Europea "para informar os progresos no cumprimento da normativa comunitaria, o que está a resultar vital para evitar que os procedementos sancionadores continúen e non culminen coa imposición de sancións e multas".

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  O Ministerio de Medio Ambiente negocia coa Comisión Europea para ´evitar a imposición de sancións e multas´