As mariscadoras de Lourizán paran a actividade na depuradora ante unha vertedura de residuais en Praceres

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o mércores, febreiro 11, 2015
Redacción Pontevedra Viva | Redacción, Pontevedra 11.02.2015

As mariscadoras da confraría de Lourizán concentráronse ante as portas da depuradora dos Praceres e paralizaron a actividade da estación tras comprobar a presenza dunha vertedura na praia de Praceres na zona de marisqueo arredor das 13.45 horas da tarde deste martes 10 de febreiro.

Segundo indicou a patroa maior da confraría de Lourizán, Mari Carmen Vázquez Nores, as mariscadoras que se encontraban no areal realizando o traslado de semente da zona catalogada como C á zona B detectaron a presenza dun fluído que entendían que procedía da depuradora e inmediatamente presentáronse nas instalacións da EDAR para esixir explicacións.

"É indignante que non nos avisasen de nada" indica a patroa maior que se puxo en contacto con Augas de Galicia, con Covadonga Salgado, a directora de Intecmar e coa delegación da Xunta enVigo. Augas de Galicia previra realizar unha serie de arranxos no seminario submarino da EDAR con verteduras controladas pero a resolución ordenada, segundo Mari Carmen Vázquez, referíase a realizar os traballos en días en que non houbese actividade de marisqueo nin condicións de preamar. Non obstante, esta última condición incumpriuse porque as traballadoras estaban a trasladar semente "polo que non se esperou á preamar".

"Tiñamos á xente mobilizada e íamos paralos polas boas ou polas malas" indicou a dirixente, que xa ameazara con presentar denuncia ante o Seprona no caso de que aparecese algunha vertedura.

Algunhas das mariscadoras, a título particular, estudan a posibilidade de presentar unha denuncia nos xulgados porque "están moi indignadas", segundo Mari Carmen Vázquez. "Non pode ser que fagan as cousas sen contar con nós, que somos as prexudicadas", insiste a principal responsable da confraría,xa que afirma que non houbo ningún aviso previo nin recibiron información sobre os traballos que se ían acometer: "Non nos deu tempo a nada".

Dende o colectivo asegúrase que entenden que haxa que facer obras na depuradora se son necesarias para mellorar o seu funcionamento pero "se se van facer, que avisen" e lamenta que dende a administración só se preocupan das mariscadoras "cando lles convén".

A XUNTA XUSTIFICA A ACTUACIÓN

Dende o departamento de prensa da Consellería do Mar ao ser preguntados por esta incidencia só se indica que "Augas de Galicia, que é o organismo que autoriza as obras, pediulles informes ao Intecmar e á bióloga de zona e tras coller mostras o luns emitíronse informes favorables tratándose dunha zona C e que non hai peticións de extracción nesa zona. Ademais considérase que agora é o mellor momento porque non chove". Segundo esta información, os operarios desenvolveron os traballos durante a xornada deste martes sen alertar previamente a confraría, o que provocou a reacción das mariscadoras.

Os técnicos de Augas de Galicia e Viaqua reuníronse para analizar que sucedera e por que non se comunicou esta actuación á confraría. As mariscadoras aseguran que seguirán alerta durante as próximas horas e están a revisar todas as zonas do banco marisqueiro para ver se se produciron máis verteduras.

Fonte: Xornal Dixital Pontevedra Viva. Artigo orixinal:  'As mariscadoras de Lourizán paran a actividade na depuradora ante unha vertedura de residuais en Praceres'.