A Audiencia Nacional ordena pechar a depuradora de Pontevedra

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o venres, maio 10, 2013

Esixe abrir un expediente de caducidade da concesión a Ence

Redacción La Voz de Galicia | Marcos Gago, Pontevedra 10.05.2013

A Audiencia Nacional ven de ordenar a paralización da actividade da depuradora dos Praceres (Pontevedra), así como incoar, por segunda vez en tres anos, o expediente de caducidade da concesión de Ence en Lourizán. É unha nova vitoria da asociación Salvemos Pontevedra, cuxos responsables compareceron onte para «esixir ao Estado que cumpra a legalidade» nesta franxa de litoral. A resolución non é firme e a empresa anunciou que presentará un recurso contra o fallo ante o Supremo.

Os feitos remóntanse á construción da EDAR e o emisario submarino pola Xunta, grazas a un convenio con Ence, en terreos da concesión orixinal no dominio público terrestre. No 2006, a plataforma denunciou ao Ministerio de Medio Ambiente esta obra por carecer a Xunta de concesión para ocupar este terreo. Este colectivo instou o Estado a iniciar o expediente de caducidade da pasteira. Entendía que supostamente se incumpriron os termos da concesión cando subscribiu o convenio coa Xunta para a EDAR. Ao non recibir resposta, Salvemos Pontevedra interpuxo o contencioso na Audiencia Nacional que se fallou o pasado abril. Nos fundamentos de dereito da resolución recóllese a admisión por Costas de que a EDAR carece de título concesional para ocupar o dominio público, seguindo un informe do 2010. Ese ano, o ministerio dirixiuse ao Concello de Pontevedra para tentar solucionar o problema.

Na sentenza de abril faise referencia a unha anterior da Audiencia Nacional, do 2011, na que xa se ordenou incoar o expediente de caducidade da concesión de Ence e que foi recorrido á súa vez pola pasteira. Este recurso está aínda pendente no Supremo.

O portavoz ecoloxista Francisco Díaz asegurou que a concesión de Ence está caducada desde o 2001, porque o título concesional non foi transferido da entidade pública á empresa privada cando Ence deixou de pertencer ao Estado. Pola súa banda, a Xunta afirma que a paralización da EDAR dos Praceres é «inviable». Por último, desde Ence sinálase que abrir o expediente de caducidade non implica o peche da factoría, porque a súa apertura «non prexulga o resultado do devandito procedemento».

Fonte: Xornal La Voz de Galicia. Artigo orixinal:  A Audiencia Nacional ordena pechar a depuradora de Pontevedra
Categorías: ,