A Xunta iniciará os trámites para a execución da EDAR de Raxó en canto o Concello de Poio poña a disposición os terreos necesarios

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o xoves, novembro 21, 2013

Francisco Menéndez sinala que a situación deberá adaptarse aos criterios técnicos, tratando de buscar a opción máis favorable en canto a cotas e cunha superficie suficiente

Augas de Galicia está a executar a obra de saneamento en San Martiño e as Testadas co fin de optimizar o servizo de saneamento do Concello de Poio

Comunicado de Prensa Xunta de Galicia | Santiago 21.11.2013

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas redactará o estudo ambiental e anteproxecto correspondente para iniciar a tramitación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Raxó en canto se teña a situación proposta polo Concello de Poio. Polo momento, a Xunta segue a agardar que o municipio pontevedrés poña a disposición os terreos necesarios para a execución da infraestrutura segundo indicou esta mañá o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, durante a súa comparecencia na Comisión 2ª do Parlamento.

Menéndez sinala que a situación deberá adaptarse aos criterios técnicos, tratando de buscar a opción máis favorable en canto a cotas e cunha superficie suficiente.

O director de Augas de Galicia explicou que “o proxecto de EDAR na zona de Pampaido foi rexeitado polas dificultades técnicas para levar a cabo a súa execución, nunha zona de elevada pendente que condicionaba o tratamento das augas residuais”. Engadiu que “a experiencia indica que estas solucións para que sexan eficaces necesitan dunha forte inversión, e sen dúbida a construción desta alternativa, se se fala de impacto visual, era moi importante pola necesidade de executar non só a EDAR nun acantilado, senón un camiño de acceso pola zona de servidume de costas”.

Explicou que, aínda que o Concello non teña xestionado os terreos, Augas de Galicia non se desentende do problema e continúa a traballar na optimización do servizo de saneamento no municipio de Poio, polo que se está a executar a obra de saneamento en San Martiño e as Testadas, no que Xunta e o concello invisten 904.333 euros. Ademais, no 2012 Medio Ambiente acometeu tamén a reparación do actual emisario de Raxó, cun importe de 56.168 euros, a solicitude precisamente do municipio, ante unha rotura que sufriu..

Fonte: Xunta de Galicia: A Xunta iniciará os trámites para a execución da EDAR de Raxó en canto o Concello de Poio poña a disposición os terreos necesarios
Categorías: