Dous terzos das depuradoras que verten ao mar funcionan de forma deficiente

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o domingo, novembro 03, 2013

O sistema de desinfección, clave para evitar riscos sobre os bancos de marisqueo, non cumpre coa calidade mínima - Nun 29%, os equipos están directamente parados

Redacción Faro de Vigo | X. A. Taboada, Santiago 03.11.2013

A Consellería de Medio Ambiente deuse o prazo dun ano para alcanzar un pacto da auga cuxo obxectivo é harmonizar a xestión de todo o ciclo da auga en Galicia, desde a captación e potabilización até o saneamento, pasado por unha tarificación única de forma que todos paguen o mesmo recibo polo mesmo servizo. Este reto marcoullo tras realizar unha auditoría da rede de abastecemento e depuración da comunidade que, entre outras conclusións, revela un funcionamento moi dispar na xestión, un mantemento irregular das instalacións ou que dous terzos das depuradoras que verten ao mar -un oitenta en total-, fano de forma deficiente porque non alcanzan o nivel mínimo de desinfección, un elemento crave en Galicia porque as verteduras acaban nas rías co consecuente risco para os bancos de marisqueo.

Segundo o informe de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, a desinfección é o proceso máis "delicado", pola propia natureza do mecanismo usado e polo seu elevado custo, tanto de instalación dos instrumentos como do seu mantemento.

O 25% das depuradoras que verten ao mar -unhas 80, á marxe das que acaban nos ríos- obteñen unha valoración "aceptable" nos seus sistemas de desinfección, mentres que o 46% só de "regular". Pero hai outro 29% que suspende. E a razón non é outra que os seus equipos "están directamente parados".

"Todo isto leva a que unicamente un 36 por cento das instalacións de desinfección estea a alcanzar valores de forma habitual por baixo dos niveis esixidos", advirte Augas de Galicia. Ou sexa, que dous terzos funcionan de forma deficiente neste aspecto.

A desinfección non está regulada pola UE, senón que é unha regulamentación específica de determinadas rexións con forte actividade pesqueira, entre as que figura Galicia. O obxecto desta medida é eliminar microorganismos e bacterias para evitar que interfiran coa produción pesqueira e marisqueira das rías. É un risco que existe e do que advirte a Xunta ante o descoido con que operan os concellos.

A UE si regula o nivel de materia orgánica e sólidos en suspensión das verteduras. Neste apartado, as depuradoras -máis de 500 en Galicia en núcleos maiores de 50 habitantes- obtén mellor nota. O 89% cumpre de forma habitual coa calidade mínima esixida, mentres que un 2,5% incúmprea de forma esporádica e outro 8,5% non a cumpre de maneira habitual.

Pero estas cifras poden empeorar, segundo Augas de Galicia, porque manter estes rexistros esixe un correcto mantemento dos equipos e só nun 9% dos casos é "bo", por outro 74% onde é "regular" e outro 17% onde é "directamente malo".

Mellor balance fai das 283 estacións potabilizadoras de auga en poboacións con máis de 50 habitantes. Segundo a Xunta, o 53% destas instalacións presenta un estado correcto de mantemento, mentres que nun 45% as instalacións rexistran algunha deficiencia e nun 2% os equipos necesitan "imperativamente" unha reparación para que recuperan o seu funcionamento normal. En canto aos controis que se fan da auga potabilizada, nun 30% non leva ningún rexistro de datos.

A Xunta destaca a gran heteroxeneidade dos modelos de captación e potabilización da auga, xa que das 283 estacións, 131 son xestionadas por concesións privadas, 139 polos concellos directamente, catro por empresas públicas municipais, dúas por consorcios, outras dúas por empresas mixtas e catro máis están directamente sen explotar.

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  Dous terzos das depuradoras que verten ao mar funcionan de forma deficiente
Categorías: