A plataforma veciñal "Non á Depuradora en Samieira" denuncia escurantismo por parte do Concello de Poio

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o luns, novembro 18, 2013
Redacción Pontevedra Viva | Pontevedra 18.11.2013

A plataforma veciñal "Non á Depuradora en Samieira" mostra o seu malestar, a través dun comunicado, pola actitude que mantén o Concello de Poio. Segundo denuncian, o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polos veciños de Samieira pola posible instalación da Depuradora (EDAR) na zona e, non obstante, cando esta institución reclamou información ao Concello de Poio non recibiu resposta, a pesar de reclamarlla dúas veces.

A plataforma considera que se trata dunha "práctica de escurantismo reiterada do Concello de Poio, ademais de contraria á lexislación" que supón unha mingua dos dereitos constitucionais de representación que asisten aos cidadáns.

Segundo expoñen os membros da plataforma, levan case ano e medio para mostrar o rexeitamento á instalación da depuradora: "Para nós é unha situación esperpéntica. Ao mesmo tempo que din que están cos veciños e se comprometen a buscar unha alternativa, ignoran sistematicamente ás reivindicacións cidadás que esixen unha solución ao problema, deixando que a contorna entre ás praias do Caeiro e O Laño siga como primeira e única opción".

Ante esta situación, os veciños de Samieira indican que van emprender as accións que sexan necesarias para resolver o problema e enfrontarse ao Concello de Poio ante unha política de "comunicación absolutamente opaca".

Fonte: Xornal Dixital Pontevedra Viva. Artigo orixinal:  A plataforma veciñal "Non á Depuradora en Samieira" denuncia escurantismo por parte do Concello de Poio