Duras críticas desde Pontevedra e Poio e Marín rebaixa o ton

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o venres, novembro 28, 2014
Redacción Faro de Vigo | Marcos Quintas, Morrazo 28.11.2014

Os representantes de Pontevedra e Poio son os que presentan unha actitude máis crítica cara á Xunta. Aplauden que a Unión Europea haxa intervido para obrigar ao cumprimento da correspondente normativa comunitaria. O edil de Medio Ambiente da cidade do Lérez, Raimundo González, celebra que a Comisión "tome cartas no asunto" e subliña que o saneamento na ría é unha competencia "exclusiva" da Xunta. Considera que habería diversos factores que estarían a influír, como "concellos que verten directamente" á ría. Pero ve na depuradora de Praceres una das principais causas do problema. González tamén vincula en certo xeito a Ence e os seus acordos coa Administración autonómica. "Co que a Xunta tería que cobrar á empresa polo canon da auga, daría dabondo para ter a ría inmaculada, como os chorros do ouro", indica.

O rexedor poiense, pola súa banda, tamén valora o papel da UE e que "haxa unha organismo que velle porque se cumpran as normas". Lembra que "a Xunta ten moitas responsabilidades no que está a pasar". Recoñece, iso si, que Poio xera "unha pequena parte do problema", en alusión ao emisario que verte directamente á ría en Raxó. Pero nega que este sexa o causante da situación que denuncia Europa. O mandatario municipal, en cambio, segue defendendo que a depuradora se sitúe no municipio veciño, concretamente en Pampaído. "Así se planificou na década dos anos 80, o que condicionou o deseño das redes de saneamento nesa dirección", explicou Sobral. Por iso pide á Xunta que "non escurra o vulto" e exhórtalle a valorar que opcións "técnica e economicamente" son as adecuadas.

Unha dotación de 25 anos

Así mesmo a rexedora marinense, aínda que rebaixa o ton con respecto aos dirixentes anteriores, expón a necesidade de adoptar obras de mellora na depuradora de Praceres, ao ser esta desde a que se realizan os tratamentos das augas residuais de Marín, Pontevedra e parte de Poio. "Toda a nosa rede vai a Praceres", puntualiza María Ramallo, que matiza que esta depuradora "ten bastantes anos, polo menos 25" e que a súa capacidade se viu mermada ante o aumento das redes de saneamentos polos termos municipais aos que presta servizo. "Cada vez chega máis volume á depuradora", advirte.

Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  Duras críticas desde Pontevedra e Poio e Marín rebaixa o ton